A arquitectura popular é aquela que desenvolve a clase popular e que realizan os propios usuarios ou artesáns sen unha gran instrución técnica pero que suplen co coñecemento herdado dos seus predecesores e cunha grande habilidade, os cales levantan as distintas construcións que necesitan para levar a cabo a súa vida familiar, profesión e permitir os desprazamentos polo territorio.

 

Este tipo de arquitectura desenvólvese principalmente nas áreas rurais, tendo como principal característica a funcionalidade, axeitándose á finalidade prevista, ao tipo de orografía, climatoloxía e disposición de materiais. Existe unha ampla tipoloxía de construcións, tanto para a arquitectura coma para a enxeñaría popular, cada unha co seu propósito e diferentes deseños.

 

A este respecto hai que dicir que estamos perdendo a pasos de xigante unha grande parte deste patrimonio, debido fundamentalmente ao despoboamento do eido rural e á sustitución por outras de moderno deseño e construción, perdendo tamén a oportunidade de fotografalos.

 

Entre elas podemos destacar, segundo o seu uso, as seguintes:

  1. Para a vivenda: cos diferentes sistemas construtivos, materiais empregados e formatos tradicionais e axeitados a cada área xeográfica.
  2. Para o almacenamento: como poden ser os alpendres, palleiras, adegas, ouriceiras e sequeiros de castañas, ou hórreos.
  3. Para a transformación dos produtos: como as eiras, fornos ou muíños.
  4. Para a cría, habitación e exposición de animáis: como as cortes, pombeiros, galiñeiros, alvarizas, curros para os cabalos ou recintos de feira.
  5. Para a caza e a pesca: como os foxos dos lobos ou as pesqueiras.
  6. Para os equipamentos de aproveitamento doméstico da auga: como fontes, pozos ou lavadoiros.
  7. Para os equipamento para o ocio e a relixiosidade: como os palcos da música, os campos para os xogos tradicionais ou as capelas.
  8. Para as infraestruturas do territorio: como os camiños,, balados, pontes, socalcos ou as construcións para a rega.
  9. Para a produción artesanal e preindustrial: como os obradoiros de olería, telleiras, fraguas, mazos, ferrerías, batáns ou fábricas de curtidos.

 

“A extensión da arte da vivenda é a arte de vivir, vivir en armonía cos impulsos máis profundos do home e co seu ambiente adoptado ou prefabricado.”

Charlote Perriand

 
TITULO
DESCRIPCION