Sen dúbida algunha, os bosques e as árbores, xunto coas formacións compostas de matogueiras e de pasteiros son a parte máis visible que atopamos na natureza, principalmente por motivos de extensión e/ou tamaño dos individuos, que destacan xa dende a distancia. Pero se nos achegamos un pouco máis e examinamos polo miúdo estes ecosistemas terrestres, poderemos decatarnos que neles atopamos outros órganos (frores e froitos) e organismos (plantas herbáceas e inferiores e fungos).

 

As frores, ademáis de ser o órgano reprodutivo de boa parte das plantas existentes, as chamadas fanerógamas (árbores, arbustos e plantas herbáceas), fotograficamente falando son de moitísimo interese polas súas incontábeis formas, tamaños e cores. Estas frores, unha vez feita a polinización correspondente, mudan nos diferentes froitos que producen as sementes e que tamén presentan moitas formas, tamaños e cores.

 

As plantas herbáceas podémolas atopar, ademais de nos prados, tamén debaixo das árbores e nos bosques e tamén entre as matogueiras, polo que son sen dúbida o tipo de plantas máis extendido. O que as caracteriza é a ausencia de partes leñosas, que adoitan ter tanto o talo como as frores de cor verde e ter unha froración abundante e dispostas na parte terminal da planta.

 

En canto ás plantas inferiores, estas caracterízanse por carecer de frores e de sementes, reproducíndose a través de esporas e abranguen tres grupos diferentes: as talofitas (algas), as pteridofitas (fentos, colas de cabalo, etc) e as briofitas (hepáticas e musgos), todas elas tamén moi interesantes baixo a óptica fotográfica.

 

Por último están os fungos que, do mesmo xeito que nas plantas inferiores, tamén se reproducen a través de esporas, sendo estes moi diversos e peculiares. Moitos destes fungos froitifican a través do que coñecemos como setas, sendo estes os máis interesantes dende o punto de vista fotográfico polo tamaño que presentan e a variedade de formas e cores.

 

“Se poideramos ver o milagre dunha soa fror claramente, a nosa vida enteira mudaría.”

Buda

 
TITULO
DESCRIPCION